Seguidores e seguidoras

domingo, 20 de noviembre de 2016

Comezamos con África

Fai aproximadamente un mes comezamos coa aventura de descubrir un novo continente: ÁFRICA.



Enlazámolo ao descubrir que moitas razas de monos viven en África, posto que tiñamos que comezar co proxecto "Viaxando polo mundo a través dos contos".

Ao principio non sabíamos moito, como vedes na foto anterior, pero agora xa sabemos un montón!!
Despois dun mes de traballo e grazas tamén á vosa colaboración, descubrimos e estamos a descubrir moitas cousas, que pouco a pouco vos irei contando.

Descubrimos que África é un continente, e situámolo nun mapamundi, vendo a distancia que hai dende España (o país no que vivimos) e África.
Gracias a "Google Earth" e mapas en formato papel, vimos que había dúas maneiras principais de chegar ata alí: en avión ou en barco.
Traballamos as distancias e tamén estamos a descubrir cal é o medio de transporte "máis rápido" e "máis lento".

Despois de viaxar en avión coas nosas cadeiras, unha das primeiras cousas que descubrimos foron os animais que hai en África: cebras, leóns, gacelas, xirafas, rinocerontes, crocodilos, flamencos, elefantes... Sobre todo grazas a contos que nos trouxeron as familias, como a de Antón; ou láminas de debuxos da familia de Nil e Brandão.

Por iso, decidimos debuxar os nosos propios animais africanos e esta semana estivemos a traballar novas técnicas con acuarelas, que vos ensinarei pronto.



A familia de Anh Tu tróuxonos un conto moi bonito:


"Lila y el secreto de la lluvia" trata sobre unha nena masai que, grazas aos consellos do seu avó, consigue que chova no seu poboado ao contarlle cousas tristes ao ceo, xa que vive nun deserto que apenas ten a auga que tanto necesitan para vivir.
A partir diso, comezamos a traballar os Masai, pero antes decidimos crear a nosa "caixa de cousas tristes" para traballar as emocións e "facer que chova" cando queiramos. Algunhas cousas tristes foron:
"Cando a miña mama se crava unha espiña de peixe no dedo"
"Cando a miña irmá toma o meu leite"
"Cando se rompen os xoguetes"
"Cando non temos xoguetes"
"Cando nos pelexamos"
"Cando unha avalancha destrúe o cole"

E, ademais, debuxamos o deserto e as chuvias que Lila conseguiu para o seu poboado.
Que ben nos quedaron!






Pero isto é só o comezo. Temos moitas cousas máis que ensinar.

Gracias por todo o que as familias aportades, sérvenos para seguir avanzando.

1 comentario:

  1. Que bonitos proyectos de aula. Preciosos os debuxos, estan feitos unhos artistas. :)

    ResponderEliminar